As augas da súa fonte xa as utilizaban os romanos. Próbano as ruínas das súas antigas termas,
declaradas Ben de Interese Cultural e abertas ás visitas dentro do propio balneario. Unha das captacións de auga,
protexida hoxe por unha pirámide de vidro, é tamén a que utilizaron os romanos, e ata a antiga palestra
en que realizaban os seus exercicios emerxeu durante as obras de ampliación da cafetería. Aínda que
é probable que outros pobos anteriores se serviran tamén dos beneficios das súas augas, do que non hai
dúbida é de que, ata os nosos días, xeracións e xeracións de lucenses foron forxando unha
importante tradición termal arredor deste balneario. Situado á entrada da cidade, cun paseo axardinado duns dez
quilómetros na ribeira do Miño, este establecemento conta cun edificio do século XIX totalmente reformado
que alberga a maiorķa dos cuartos e o chamado balneario terapéutico. Nun anexo, outro edificio levantado no 2001
con outra vintena de cuartos e o moderno balneario lúdico, máis orientado a tratamentos de relax e beleza.
E todo a dous pasos de tódolos alicientes da cidade de Lugo.