A través dunha pista entre piñeirais e montes chégase a este illado establecemento levantado en pedra
hai pouco máis de dez anos sobre as ruínas dunha antiga casa de baños, aínda que das súas augas
xa se servían no século XI os monxes dos mosteiros próximos. Inmellorables as vistas fronte a un val
verdísimo salferido polas casonas de Merza. Ademais de entregarse a tratamentos como os tradicionais nove baños
no seu luminoso e renovado balneario, Baños de Brea resulta un retiro perfecto do mundanal ruído, á parte
dun destino que cómpre ter en conta para emprender rutas de camiñadas como a que une o mosteiro de Carboeiro,
a praia fluvial da Carixa e as fervenzas do Toxa, unha das máis demandadas dunha zona en que, se algo sobra,
son rutas para andar camiño, dar pedal e ata cabalgar ou sucar en canoa.