"El exministro Pedro Acuña recuperó la salud en los baños del manantial, que lleva su nombre,
y construyó de su peculio en el año 1813 el primer cuerpo de una sólida edificación sobre la cual
se levanta hoy el soberbio balneario-hotel". A crónica apareceu no 1908 no Faro de Vigo nunha páxina que hoxe loce
enmarcada xunto ó mostrador de recepción deste establecemento que coñeceu os tempos dourados da balneoterapia cando
antes da Guerra a xente ben se daba cita neles un verán atrás doutro. O edificio do hotel, todo de pedra ó son
do río Umia e con un gran salón de teito laminado en madeira, cos seus espellos e lámpadas e portóns de cristais biselados,
denotan o esplendor daquela época; o balneario, refeito por completo no 2001, devólvenos á nosa, aínda que nos seus arredores
se conservaron algunhas das antigas bañeiras de mármore, hoxe convertidas en xardineiras debaixo do emparrado da entrada. Ó pé da piscina
termal do xardín levántanse tamén 16 bungalows moi demandados no verán para familias con nenos.