Nos últimos anos estase a producir un rexurdimento dos balnearios galegos que non é froito dunha moda pasaxeira, senón do traballo constante e serio, acompañado por importantes investimentos, por parte dos empresarios agrupados na Asociación Galega da Propiedade Balnearia.
Galicia conta cunha enorme riqueza mineromedicinal no seu solo ao estar catalogadas máis de trescentas captacións, das que vinte son utilizadas por balnearios. Estes atópanse principalmente en terras do interior, onde veñen desenvolvendo un importante traballo como dinamizadores da nosa economía. Así mesmo, os balnearios dispoñen dunhas instalacións modernas nas que traballan cualificados profesionais, feito que, engadido á calidade das nosas augas mineromedicinais, e á garantía que supón para o consumidor a suxeición a unha estrita normativa, está convertendo a Galicia nunha referencia de prestixio cando se fala de turismo de saúde.
No referente á asociación, esta constitúese en 1985 coa finalidade de representar e promocionar o sector termal galego, e conta na actualidade con vinte balnearios asociados: o de Carballo na provincia da Coruña; os de Brea, Cuntis, Mondariz, Caldelas de Tui, A Toxa (Gran Hotel e Isla de La Toja), Acuña e Dávila (ambos en Caldas de Reis), na provincia de Pontevedra; os de Lugo, Río Pambre, Guitiriz e Augas Santas, na provincia de Lugo; e os de Arnoia, Baños de Molgas, Caldas de Partovia, Carballiño, Laias (Cenlle), Lobios (Riocaldo) e Sousas (Verín), na provincia de Ourense.
Todos os citados son balnearios, con independencia da s&úacute;a localización, urbana ou rural, porque cumpren a normativa vixente en Galicia, segundo a cal:
1°) A "balneoterapia" é o método curativo polo efecto da acción terapéutica das augas mineromedicinais ou termais.
2°) De acordo co artigo 2.1.a) da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulamentación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, son "augas minero-medicinais: as nacidas natural ou artificialmente e que polas súas características e calidades sexan declaradas de utilidade pública e sexan aptas para tratamentos terapéuticos".
3°) De acordo co artigo 2.2 da antedita lei, "augas termais: son aquelas augas nas que a súa temperatura de xurdimento sexa superior, polo menos, en catro graos centígrados, á media anual do lugar no que nacen".
4°) En base ao artigo 1° da Orde da Consellería de Sanidade do 5 de novembro de 1996, pola que se regula a autorización sanitaria dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, "terán a consideración de establecementos balnearios aqueles que, estando dotados dos medios adecuados, utilizan as augas mineromedicinais ou termais declaradas de utilidade pública, con fins terapéuticos e preventivos para a saúde".
Por outra banda, para o desenvolvemento regulamentario da lei do 95, aprobouse o regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 402/ 1996, do 31 de outubro). A promulgación e posta en práctica deste regulamento, que veu incorporar ao noso ordenamento xurídico a lexislación comunitaria na materia, foi de indubidábel interese e beneficio para a protección en cantidade e calidade das nosas augas, ademais de supor unha auténtica garantía para os termalistas.
Por iso animámoste a gozar dos Balnearios de Galicia, onde a diferenza está na agua.